Francisco Paradela Núñez
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 21 de xaneiro de 1898 ![]() Ourense, España ![]() |
Morte | 9 de agosto de 1936 ![]() A Pobra de Trives, España ![]() |
Causa da morte | paseo, ferida por arma de fogo ![]() |
Actividade | |
Ocupación | comerciante ![]() |
Familia | |
Irmáns | Angelita Paradela ![]() |
![]() |
Francisco Paradela Núñez, nado en Ourense o 21 de xaneiro de 1898 e finado na Pobra de Trives o 9 de agosto de 1936, foi un comerciante e dramaturgo galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Fillo de José Paradela Domínguez e Juana Núñez Cid. Traballador de banca en Ourense, axente de vendas de Ford e viaxante. Foi secretario da sociedade deportiva Victoria FC,[1] e vicesecretario da sociedade Unión Artística Orensana.[2] En 1930 foi elixido secretario da directiva da Unión de Automóviles y Servicios Libres de Turismos de Alquiler de Ourense.[3] Grande esmorgante e humorista, foi membro da sociedade Akademos d'Ourens dedicada a investigar sobre a influencia grega na Galicia prerromana, que tiña a súa sede no café La Unión de Ourense. Francisco foi o director das actividades populares do grupo, que representaba cancións escenificadas, tangos orquestrados sen instrumentos, o "carnaval de Roma" e os "remeros do Volga", comedietas eróticas burlescas improvisadas, as "comedias fúnebres de Aladino", ventriloquia sen monecos, xuízos orais, poesías, contos e situacións. Foi autor de números e sketchs de variedades moi celebrados, aínda que non deixou obra publicada.[4]
Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi detido o 23 de xullo. O 2 de agosto xunto con Aquilino Sánchez Rodríguez e Joaquín Losada Filgueira que viñan da prisión do Carballiño, foron conducidos por un grupo de falanxistas á cadea de Viana do Bolo. Os milicianos deixaron a Aquilino Sánchez na prisión de Trives e continuaron cos outros dous que foron asasinados nas proximidades dos Codos de Larouco (A Pobra de Trives). A Francisco Paradela prendéronlle lume e despois metrallárono o 9 de agosto.
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Casou con María Doval Iglesias e foi pai de María, Elisa, Olga e Francisco Paradela Doval.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ La Región, 12-6-1920, p. 2.
- ↑ La Región, 19-12-1922, p. 22.
- ↑ La Región, 22-1-1930, p. 1.
- ↑ Fernández, Camilo (1995). Eduardo Blanco Amor e o teatro. Universidade de Barcelona. p. 70. ISBN 84-475-1060-3. Consultado o 27 de xaneiro de 2015.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Fernández Mazas, Armando (1989). Ourense, Atenas de Galicia. Ourense: Andoriña. pp. 91–94.
- Prada Rodríguez, Julio (2004). Ourense, 1936-1939. Alzamento, guerra e represión. Sada: Do Castro. pp. 97–98, 224–225. ISBN 978-84-8485-157-8.